Descripción de la Exposición
O aprendiz mestre
Apprentice-Master son dúas palabras clave que dan nome a un ambicioso proxecto que reúne, na cidade holandesa de Tilburg, a un nutrido grupo de artistas procedentes de diferentes facultades europeas. O alumnado que participa está aínda en período de formación nos niveis de grao ou posgrao e -se é que aínda non tiveron a oportunidade de expoñer fóra de España- esta experiencia enfrontaralles a un dos seus primeiros retos profesionais a nivel internacional; unha posibilidade moi importante de tomar contacto co "mundo real" que tanto asusta a gran parte do noso alumnado. Así, recoñecemos que saír fóra da coiraza da facultade e ver outras cousas xa é -en si mesmo- altamente enriquecedor. Tras un frutífero tempo de convivencia en Holanda, a organización crea grupos de traballo que, dirixidos por un artista de prestixio, teñen como obxectivo a complexa tarefa de montar unha serie de exposicións que virarán ao redor de heteroxéneas temáticas de interese e que teñen lugar nas diferentes sedes expositivas de Holanda e Bélxica. Hai xa tres anos que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra foi convidada a participar neste evento; unha oportunidade que, dito sexa de paso, é a única polo momento na cal o noso estudantado pode levar a cabo unha práctica real de exposición internacional en lugares dignos e con proxección.
Lonxe da xerarquía piramidal que parece translucir o título do proxecto, cónstame que Apprentice-Master consegue crear unha enriquecedora simbiose entre todas as persoas participantes, posibilitando así que o proceso construtivo da creación sexa un ben común onde se xeran e intercambian ideas. Hoxe presentamos na Sala X o grupo de estudantes da nosa facultade que están a participar na edición deste ano. Confiamos que os traballos de Javier Fernández Pérez de Lis, Erik Balbuena, Yatir Fernández, Ventura A. Pérez, Elisabel De Freitas e Félix Carpio poidan falarnos da súa experiencia holandesa, do que lles influíu, daquilo que pode estar xerminando tras viaxar eses 3.397.6 quilómetros que separan a cidade do Lérez da sempre inspiradora planicie holandesa. Unha viaxe de ida e volta que deixou moito pouso aquí e alá.
Carlos Tejo
Coordinador do proxecto en Pontevedra
Formación. 30 oct de 2025 - 11 jun de 2026 / Museo Nacional del Prado / Madrid, España